quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

PIDEN A DIMISIÓN DO VALEDOR DO POBO E DO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

O DEFENSOR DO POBO, BENIGNO LÓPEZ, INSTOU Á RETIRADA DUN LIBRO POR DICIR QUE O GALEGO É A LINGUA PROPIA DE GALICIA
Segundo informacións de prensa, o Valedor do Pobo atendeu unha petición do grupo político UPyD e o Conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, vai ordenar á editora do libro a corrección do texto. Organizacións de defensa da lingua como Queremos Galego, Prolingua e a Mesa pola Normalización Lingüística, manifestaron publicamente a súa sorpresa e indignación ante a censura dun libro que se limita a reproducir literalmente o artigo 5.1 do Estatuto de Autonomía de Galicia.

Por este motivo esixen o cese do Valedor do Pobo e do Conselleiro de Educación e teñen convocadas concentracións de protesta ante o que consideran un exemplo máis de persecución contra o noso idioma. Carlos Callón, portavoz da Mesa, cualificou os feitos de “auténtico acto de censura” e “sistemática caza de bruxas” que o actual goberno está a exercer contra a lingua e a cultura do país. Prolingua sinala no seu comunicado “que o Valedor do Pobo (…) ignore os contidos do Estatuto de Autonomía, parece un absurdo, mesmo cómico” e que esta situación é “un esperpento ao que non é allea a actitude pasiva, cando non agresiva, fomentada polo actual goberno galego”.
As concentracións vanse celebrar o xoves 15 as 11’30 diante da sede do Valedor do Pobo e o sábado 17 ás cinco da tarde na Praza do Toural en Santiago de Compostela. Tamén solicitan o envío de correos individuais á presidenta do Parlamento e ao presidente da Xunta segundo os modelos que se poden descargar nas súas páxinas Web (pódese acceder a eles nas ligazóns desta mesma páxina).

Sem comentários:

Enviar um comentário