quarta-feira, 13 de março de 2013

CARTAS DE AMOR SAN VALENTÍN 2013 1º PREMIO Meu amado: Non pode existir na miña alma un amor tan sinxelo, fondo e limpo como o teu. Meu amante, meu amigo, dono da miña vida; porque es ti a razón do meu ser, só sinto o sangue fluír polas veas cando ti acaricias cun percorrer sinuoso, a pel do meu corpo, a muller que se esconde ás horas do sol móstrase espida á luz dos teus ollos, só para ti son eu, certa, verdadeira, porque soubeches chegar ao fondo do meu corazón, con amor sinxelo, e roubáchesme os sentidos. A min, que non me faltou nunca a cordura, fasme estar ida. O percorrer das horas, cada minuto, cada segundo, pásoos pensando en ti. Que fas, onde estás? Cánto falta para vernos? Cegada, ás veces, por uns cismas sen motivo, poño trabas para que non saibas, que tes o meu corazón aberto para ti e na soidade deixo que as bágoas reguen as miñas meixelas, por medo a perderte. Síntome fráxil e insegura, inmerecente dun agarimo desmedido que me abrasa, e dóeme non saber a intensidade do teu amor, non saber ata onde podemos ir,e cando imos chegar. Teño dúbidas das túas dúbidas, pero, sobre todo, teño carencia de ti. Faise pouco o tempo que gozamos xuntos, porque sei que todo acaba, non sempre porque se esgote o amor, senón que se esgota a vida. Se hei de morrer que sexa abrazada a ti, enchéndome do teu sabor e sentindo as túas caricias na miña pel. Túa por sempre Amelia Ledo Vence (E.S.A.)

quarta-feira, 30 de janeiro de 2013

Un "clamor" contra un Goberno "absolutamente xordo" Sermos Galiza 28 de xaneiro de 2013
Xurxo Souto, músico; Davide Leira, cantareiro; Mónica Camaño, actriz; Aurélio Lópes, imputado pola manifestación contra Galicia Bilingüe; Belén Sánchez, bibliotecaria no IES de Celanova; Uxía, música; Miguel Penas, presidente da AGAL; e Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego valoran a mobilización nacional #PolaLinguaQueNosUne "Foi moito vento para as velas", dixo Carlos Callón, voceiro de Queremos Galego, cando se lle pediu que resumise o que supuxo a mobilización nacional desta fin de semana para as máis de 700 entidades que fan parte desta plataforma cidadá. Quen non foi, porque non apoiaba esa motivación de defender a lingua propia da españolización en que teima o PP, apurou a botar man das cifras para desacreditar, apuntando a que houbo menos xente que outros anos. Porén, a praza da Quintana encheu a rebordar malia o día de inverno, e malia as cambadelas do Concello de Santiago, que rematou por se saír coa súa e prohibiu a colocación dun palco. Por iso, @s que si estiveron escollen unha mesma palabra: "clamor". "Foi emocionante, moito máis que unha manifestación" Xurxo Souto ollou cara ao manto de paraugas que cubriu a Quintana desde as escaleiras, namentres lía un bocado do manifesto Queremos galego na escola, que procura apoios na internet e que pide, entre outras cuestións, a inmediata derrogación de dúas normas: o decreto do plurilingüismo que aprobou a consellaría de Educación tan pronto puxo un pé na Xunta, en 2009; e a LOMCE, o Lei de mellora da calidade educativa, que vén de Madrid e outorga máis importancia á relixión que ás linguas propias. Desde alí arriba, o músico viu "moito máis que unha manifestación". Apreciou "un clamor social" empeñado en chamar a atención fronte a un goberno, o da Xunta, "completamente xordo". Tamén desde as escaleiras avaliou Uxía o acontecido: "foi emocionante saber que hai un sector da poboación tan disposto a loitar pola lingua, un clamor popular contra a persecución da nosa identidade". Ela subiu alí para interpretar "un poema de urxencia", asinado por Manuel María e que sinala o galego como a chave con que abrimos o Mundo. Abaixo, misturado entre a maré, estaban Davide Leira, Tito Iglesias, Rafa Méndez e Martiño Ansede, os catro integrantes do grupo de cantareiros Maghúa. "Hai terra en que traballar, e está disposta a facelo contra os elementos", apuntou Leira, quen puxo a agrupación a disposición da organización pensando xa na seguinte mobilización pola lingua, para reivindicar "a presenza das voces masculinas no canto tradicional" desde o cenario. Xuízos pola lingua, máis un ataque contra a identidade nacional Reivindicar, desta volta a libre absolución para @s 12 cidadá(n) galeg@s que seguen á espera de xuízo polos feitos acontecidos na contra-manifestación do 8 de febreiro de 2009, é o motivo polo que varias persoas cuxas bocas tapaba un autocolante da bandeira española suxeitaban unha faixa na praza de Galiza. Había outra, pol@s pres@s independentistas. Aurélio Lópes é unha das persoas que sentará no banco d@s acusad@s. Recalcou que a persecución da defensa da lingua responde a motivos "políticos" e sinalou que "cada cortexo evidenciaba máis unha agresión", colocando o procedemento aberto no contexto "dos ataques" perpetrados desde a Xunta do PP contra os sinais de identidade do País. A manifestación, que contou co apoio de todas as forzas políticas "nacionalistas e galeguistas" foi un exemplo de unidade "que desgrazadamente non se dá noutros contextos". O galego, lingua "internacional" Miguel Penas, presidente da AGAL, recordou as seis sentenzas que o decreto do PP acumula para acredentar que "xa non é só o TSXG, é tamén o pobo galego" o que rexeita "con contundencia" a norma. A Associaçom vén de dar "un paso ambicioso" coa libraría que abrirá proximamente as súas portas en Compostela, Ciranda, da cal "non somos exactamente impulsores" mais teñen moito a ver. Para alén dun mangado de servizos que teñen a ver coa aprendizaxe do galego-portugués, en Ciranda poderanse mercar libros na nosa lingua nun momento en que é "moi difícil" atopar libro portugués na Galiza. Será grazas ás editoriais ATravés e Imperdível. Esta aposta vén explicada porque "é importante aprender galego, mais non son iguais as focaxes" e na AGAL fan un chamado a "aproveitar a vantaxe competitiva que nos dá falar a mesma lingua que 200 millóns de persoas". Esfarelando o cerne da nosa cultura A "falta de vontade política" está, para a actriz Mónica Camaño, detrás do "esfarelamento", do empeño do Goberno "en que todo morra no silencio". Camaño, que dá vida á fiscal Mosteiro na serie de televisión Matalobos, vinculou o desleixo respecto á defensa da lingua con aqueloutro que levou ás artes escénicas a unha situación en que "estamos a ser varridos" e "procuramos a corda que nos afoga menos". Desde o palco da Quintana, o mestre de cerimonias Pepe Penabade reclamou "un teatro 100% en galego". A actriz recalcou que esta arte "camiñou sempre da man da normalización da lingua como parte fundamental do alfabeto en que queriamos comunicarnos no Mundo" polo que partilla unha opinión moi repetida este domingo nas rúas: "é incríbel que nos teñamos que andar a mobilizar aínda hoxe en prol cerne da nosa cultura". A "verdadeira" manifestación "hai que facela "nas urnas" Desde a biblioteca do IES de Celanova Belén Sánchez lanzou un reproche: "foi unha manifestación estupenda, mais é insuficiente". A traballadora do ensino dixo non entender "como non se perciben as agresións á lingua como agresións a Galiza" e mostrouse taxativa ao reclamar que "a verdadeira manifestación pola nosa identidade ten que se dar nas urnas". Cómpre lembrar que as tres forzas da oposición (PSOE, AGE e BNG) secundaron a protesta e que o PP, malia perder milleiros de apoios, goberna con maioría por obra e graza da fórmula D'Hont. Por tanto, Carlos Callón ten claro que "cómpre manter esta presión social" porque "sen reivindicación non existen conquistas". E cómpre facelo xustamente neste tempo cando, en palabras de Xurxo Souto, "xa non existen as caixas, nin o Banco Pastor, nin Fenosa, nin Fadesa, cando temos un patrimonio que non nos pode roubar ningún grupo especulador: a nosa lingua".