sexta-feira, 20 de abril de 2012

MASIVO SEGUIMENTO DA FOLGA DE ESTUDANTES POLO NOSO IDIOMA

Masivo seguimento da folga estudantil convocada hoxe no ensino medio para exixirlle a Feijóo que cese "nos seus ataques contra o galego"
As organizacións convocantes destacan o paro como un "xesto de responsabilidade e compromiso" do alumnado co futuro do galego e pídenlle a Feijóo que "escoite a contudente mensaxe" enviada hoxe "en forma de ducias de aulas baleiras"
Sara Seco, responsábel nacional das Mocidades da Mesa: "A pesar de que a TVG nos censure e a Xunta queira facer como que non existimos, a de hoxe está a ser unha nova 'xornada histórica' en defensa do galego"
As organizacións convocantes da folga estudantil de hoxe so o lema "Paremos os ataques contra o galego" consideran o paro "un éxito", falan de "folga masiva" na práctica totalidade da xeografía do país e dan os "parabéns" a todo o alumnado que hoxe secundou a xornada reivindicativa demostrando "comprimiso e responsabilidade" co futuro da lingua propia de Galiza.
Segundo os datos que ao longo da mañá foron recollendo A Mesa pola Normalización Lingüística e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística; os Comités; a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes, é posíbel falar dun seguimento mesmo superior ao 80% entre o colectivo do alumnado chamado á folga: 2º ciclo da ESO, bacharelatos e ciclos formativos, tanto de grao medio como superior.
Cun apoio á convocatoria que mesmo en moitos centros chegou ao 100%, as organizacións convocantes salientan que esta estea a ser unha folga "secundada por igual" na práctica totalidade de Galiza, sen grandes diferenzas xeográficas. De feito, a repercusión foi desde primeira hora da mañá "moi significativa" en moitos institutos das sete cidades, especialmente en Vigo, Santiago de Compostela, A Coruña, Ourense ou Ferrol, porén tamén en moitas vilas pequenas e medianas.
As entidades convocantes da folga estudantil sinalan que esta tamén foi unha xornada reivindicativa secundada "sen grandes diferenzas" en función da etapa educativa, pois os datos falan dun seguimento "moi elevado" tanto no 2º ciclo da ESO como nos cursos de Bacharelato ou nos ciclos formativos. Cómpre sinalar que, na maioría dos casos, os datos achegados polos equipos directivos dos centros adoitan incluír no cómputo o alumnado do 1º ciclo da ESO, que non estaba chamado a secundar a folga.
A convocatoria de paro de hoxe, que tamén contou co apoio das organizacións xuvenís Galiza Nova, área de Mocidade de Esquerda Unida e Mocidade Nacionalista Galega (MNG), non incluíu no inicio concentracións ou outras accións reivindicativas na rúa. Porén, nalgúns casos organizáronse pequenos actos simbólicos "en defensa do dereito a aprender e a estudar en galego" nas entradas dalgúns institutos. Tal foi o caso en localidades tan dispares como Vigo ou A Fonsagrada.
Aínda que moitas das aulas dos centros de ensino medio de Galiza permaneceron desertas durante toda a mañá, as organizacións convocantes sinalan que redes sociais como twitter foron un auténtico "fervedoiro" de mensaxes e mencións de apoio á convocatoria a través do uso do hashtag #19Aestudantespologalego, a inmensa maioría provenientes de estudantes en folga, mais tamén de persoas doutras idades que non quixeron perder a ocasión de solidarizarse co estudantado que hoxe se mobilizou masivamente.
A Mesa e as súas Mocidades, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes pídenlle a Alberto Núñez Feijóo e ao seu goberno que "conxuguen o verbo escoitar" e que "tomen nota da clara mensaxe que hoxe lles foi trasladada en forma de ducias de aulas baleiras".

terça-feira, 17 de abril de 2012

FOLGA DE ESTUDANTES O 19 DE ABRIL: PAREMOS OS ATAQUES CONTRA O GALEGO

Organizacións estudantís convocan folga no ensino medio o vindeiro 19 de abril para "parar os ataques contra o galego"
Os convocantes denuncian que o uso do galego no ensino está mesmo por baixo do 20% en boa parte dos centros
A Mesa e as súas mocidades, os Comités, a Liga Estudantil Galega e o Sindicato de Estudantes advirten que o de Galiza é o único sistema educativo de todo o Estado onde se prohibe impartir determinadas materias na lingua propia
A Mesa e a súa sección xuvenil, a Mocidade pola Normalización Lingüística, xunto coas organizacións estudantís Comités, Liga Estudantil Galega e Sindicato de Estudantes, convocan unha folga estudantil no ensino medio para o vindeiro 19 de abril en defensa do "dereito a aprender en galego".
Co lema central da convocatoria "Paremos os ataques contra o galego" e o hashtag nas redes sociais #19Aestudantespologalego, as organizacións convocantes do paro estudantil denuncian o "gran retroceso" que está a padecer a lingua propia nas diferentes etapas educativas desde a entrada en vigor do mal chamado decreto para o plurilingüismo do goberno de Núñez Feijóo.
"Case dous anos após a súa implantación, faise moi evidente que este foi e segue a ser un decretazo contra o galego", sosteñen as organizacións impulsoras desta folga do alumnado, que denuncian que na maioría dos casos o uso real do galego nas aulas está "moi por debaixo" da teórica marxe 33-50% (dependendo do grao de interodución da lingua estranxeira) garantida legalmente e que en moitos centros "nin sequera chega ao 20%" sobre o total das horas semanais impartidas.
Os convocantes do paro tamén denuncian como "especialmente preocupante" a "precaria" situación do galego en moitos dos ciclos formativos e no ámbito das ensinanzas especiais ou na Educación Permanente de Adultos (EPA). "O galego non se emprega nas aulas e nin sequera existen materiais ou recursos de apoio na nosa lingua", sinalan.
Outro dos motivos da chamada á folga será exixir do goberno de Núñez Feijóo que "poña fin á prohibición" de impartir as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego, como estabelece o actual decreto ao sinalar que esas materias deberán ser ministradas en castelán. As organizacións convocantes do paro estudantil recordan que o galego é o único sistema educativo dun territorio do Estado con lingua propia que "prohibe" o uso desta en determinadas áreas e consideran "impresentábel" que desde o executivo autonómica se diga que todo funciona con "normalidade". "Para a Xunta, ‘normalidade' é sinónimo de laminación do galego", aseveran.
Na folga estudantil do vindeiro 19 de abril, que será de toda a xornada, está chamado a participar o alumnado do 2º ciclo da ESO, Bacharelato, Ciclos Formativos, EPA e Ensinanzas Artísticas e Especiais.
As organizacións convocantes iniciarán nos próximos días unha intensa campaña a través das redes sociais e nos propios centros, porén sinalan que esta irá "alén da data da folga" e comprenderá tamén un chamado á participación activa de todo o estudantado na manifestación convocada para o vindeiro 17 de maio en Santiago de Compostela pola Plataforma Queremos Galego.

quarta-feira, 29 de fevereiro de 2012

Nace Dioivo, novo xornal dixital en galego

Contar e contrariar

Contar e contrariar. Ese é para nós o alimento do xornalismo, a garantía da súa pervivencia. O que nos gusta, e nos peta e nos dá a gana. Contar e contrariar son tamén os verbos que activan este proxecto aberto e de urxencia ao que chamamos dioivo e que só aspira a envorcar na rede o produto dunha obsesión compartida: a información interpretada e o relato crítico da realidade galega. Reportaxes, crónicas, entrevistas, blogs, humor gráfico, vídeo, opinión... que cuestionan, desde o medio dixital, a vixencia dos xéneros e de certos tópicos informativos. Sempre con ironía, mesmo con impertinencia. Con poesía se somos quen. En palabras ou imaxes. Como poidamos e saibamos facelo. Con independencia. E en galego, of course.

E ese nome?

Hai alomenos un cento de palabras que cifran a intensidade, temperatura e velocidade da auga en suspensión. En Galiza, a verdade, temos tantos nomes para a chuvia como os esquimós teñen para as tonalidades da neve. Por iso cómpre sermos rigorosas. Nin o froallo é a patumeira, nin a cimbra ten a ver co salseiro, nin a decembra coa marmaña. O dioivo, tamén diluvio ou dioiva, é un chover moi abondoso e intenso. Non é, coma o barruzo ou a poalla, unha precipitación morriñenta. Polo mesmo non permite a contemplación nin a pasividade. Un dioivo nunca é neutral nin malencónico. Arrastra, varre e muda o que hai. É agardado e temido ao tempo. Irrompe e escaralla. Leva coraxe. E con tal vontade vén. Aqueloutro dioivo, o Universal, mandábano desde o Ceo. Neste, no noso, non manda ninguén.

Pero vós quen sodes, oh?

Aínda que estamos máis afeitos a formular preguntas que a respondelas, dicir quen somos é ben sinxelo. Somos unha presada de mulleres e homes aínda apaixonados pola súa profesión. Axúntanos a experiencia de anos nos medios de comunicación galegos, unha visión compartida deste país e o afán por impedir que a crise das empresas xornalísticas bote terra sobre un nobre oficio, o de contar e contrariar, que nunca, coma hoxe, foi tan necesario. Dioivo é, en realidade, unha Unión Temporal de Xornalistas; unha folla dixital mutante, con alma de panfleto; un clúster de exiliados da prensa tradicional, con afán de desfogar e tecer redes de colaboración para o futuro, aquí, nesta plataforma espontánea, ou noutro lugar. Poida que a nosa aventura sexa tan arroutada e efémera coma o propio diovio. Pero agora que estamos, e que nos puxemos dacordo, imos facer que chova o mar chovido. Abofé!

quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

Premios do Concurso de Cartas de San Valentín 2012

Reunido o xurado o pasado día 14 de febreiro no lugar habitual, acordou conceder os premios do concurso de cartas de San Valentín as/os seguintes participantes:

1º Premio: Xende Fernández Pérez de 2º BAC A
2º Premio: Andrea Río Álvarez de 1º BAC A
3º Premio: Soraya Varela Vázquez de 1º BAC B

O acto de entrega terá lugar o venres 17 a partir das 11'45 no Pavillón Polideportivo durante a festa do Entroido.
O xurado e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro felicitan as/os gañadores e a todos os demais participantes pola calidade dos traballos presentados e por contribuír a facer do noso idioma unha lingua máis normalizada, tamén nas relacións persoais.Con razón dixo o poeta, "o galego é unha lingua de amor". Parabéns!

terça-feira, 31 de janeiro de 2012

A CIG Ensino denuncia a redución do 69% no orzamento para as axudas aos equipos de normalización

Pola vía orzamentaria esta orde impide a realización de actividades de normalización durante todo o primeiro trimestre de curso
A CIG Ensino denuncia que a Consellaría de Educación se reafirma na supresión progresiva da normalización lingüística nos centros educativos. A convocatoria de axudas a centros público para a realización de proxectos de fomento do uso do galego, promovidos polos equipos de dinamización lingüística e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino de menos de tres unidades, durante o curso escolar 2011-2012, sofre unha redución orzamentaria do 69% respecto da convocatoria dos cursos 2009-2010 e 2010-2011 e do 75% respecto do curso 2008-2009.
Os orzamentos destinados a proxectos de normalización da nosa lingua nos centros sufriron un duro revés desde a chegada do Partido popular ao goberno da Xunta de Galiza. Desde entón, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, procedeuse a un primeiro recorte das axudas que quedaron fixadas en 800.000€. A CIG-Ensino denunciara no seu día a redución dun 20% do orzamento destinado aos Equipos de Normalización Lingüística, pois fronte ao millón de euros asignados para o curso 2008-2009, no cursos 2009-2010 e 2010-2011 a partida orzamentaria soamente acadaba os 800.000€.
Mais para o curso 2011-2012 aínda empeorou moito máis a situación. Primeiro, produciuse un atraso excesivo e premeditado na convocatoria, o curso en que máis tarde se realiza. Segundo, impídese a realización de actividades no primeiro trimestre, setembro 2011-decembro 2011, pois a convocatoria sinala taxativamente que só se aceptarán facturas do ano 2012 (até o 30 de xuño). E terceiro, o orzamento total redúcese nun 69% pois pasa a ser soamente de 250.000€, 550.000€ menos ca nas convocatorias dos dous cursos anteriores e 750.000 € menos ca nas partidas asignadas antes da chegada do PP á Xunta.

O hospital de Fátima de Vigo rectifica: os pacientes poderán dar o consentimento informado en Galego

A Mesa parebenízase polo froito da presión cidadá e pola firmeza e compromiso do cidadán afectado, que non renunciou aos seus dereitos lingüísticos.O cidadán que a pasada semana puxera en coñecemento da Mesa pola Normalización Lingüística, a través do seu servizo A Liña do Galego, o grave caso de discriminación lingüística que viña de paceder no Hospital Nosa Señora de Fátima de Vigo poderá asinar finalmente o consentimento informado para o tratamento dos datos persoais en galego antes da intervención á que se vai someter, tal e como expresamente solicitara.

A Mesa pola Normalización denuncia un caso de discriminación lingüística nun centro hospitalario de Vigo

Grave caso de discriminación lingüística nun centro hospitalario de Vigo

O Hospital Nosa Señora de Fátima ameazou presuntamente con non operar un doente se este non asinaba un documento en castelán que previamente solicitara en galego

A Mesa considera este caso “inadmisíbel” e pide responsabilidades directas ao SERGAS, que mantén un concerto co centro privado vigués para derivar doentes da rede pública

Disquecool, o medio de tendencias made in Galicia

Recomendamos hoxe una páxina Web para os interesados no mundo das novas tendencias. Nela atoparedes información sorbre arte, deseño, cine e TV, estilos de vida, moda, música, tecnoloxías ou Marketing. E o mellor de todo ¡na nosa lingua!.

quarta-feira, 18 de janeiro de 2012

Concurso Cartas de amor. San Valentín 2012

TODAS AS CARTAS DEBERÁN:
-SER ORIXINAIS
-INCLUÍR NOME E APELIDOS DO AUTOR/A
-ESTAR ESCRITAS EN LINGUA GALEGA
-DESENVOLVER UN TEMA RELACIONADO CO AMOR
-TER UNHA ESTENSIÓN MÁXIMA DE DÚAS PÁXINAS

O XURADO VALORARÁ:
-A CALIDADE LITERARIA DAS CARTAS
-O CORRECTO USO DO IDIOMA GALEGO
-A ADAPTACIÓN AO TEMA PROPOSTO

PRAZO DE PRESENTACIÓN:
-ATA O 6 DE FEBREIRO

COMO ENTREGALAS:
- ENTREGARSE A ALGÚN MEMBRO DO EQUIPO DE DINAMIZACIÓN DA LINGUA GALEGA (PACO, MARICARME FERNÁNDEZ OU ANDRÉS), OU NA VICEDIRECCIÓN (DIEGO).