segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

Novo conxugador verbal en liña:Cilenis

O CilenisConxugador, unha nova ferramenta lingüística en liña, permite conxugar de maneira fiábel calquera verbo da lingua galega, incluso neoxolismos como twittear ou calquera outro aínda que non veña nos dicionarios

Cal é a terceira persoa do plural do pretérito pluscuamperfecto do verbo haber? Como se conxuga o futuro dun verbo que aínda non recollen os dicionarios, como tuitear? A resposta xa está na rede. Cilenis vén de lanzar a máis completa ferramenta en liña para conxugar verbos de maneira automática: o CilenisConxugador. É un dos primeiros produtos desta novísima empresa galega, centrada en ofrecer solucións innovadoras nos ámbitos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística.

O CilenisConxugador (http://conxugador.cilenis.com/) é a aplicación máis completa, fiábel e versátil existente para conxugar de maneira automática calquera verbo en lingua galega. Permite conxugar os verbos que forman parte do Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG) e tamén calquera outro verbo que se nos ocorra: neoloxismos, tecnicismos, localismos, verbos dunha xerga ou incluso inventados.

Este conxugador está baseado no sistema de código aberto conshuga, desenvolvido na Universidade de Santiago de Compostela polo grupo de grupo de investigación ProLNat@GE (Grupo para o Procesamento da Linguaxe Natural), do que procede o equipo de traballo de Cilenis. O resultado é unha ferramenta con importantes aplicacións no ámbito da educación, a comunicación e a empresa.

Tamén en portugués
Conxuntamente coa versión galega, Cilenis desenvolveu un conxugador verbal en portugués, dispoñíbel desde xa para os máis de 240 millóns de falantes desta lingua no mundo. A empresa galega sitúase así en primeira liña na creación de ferramentas lingüísticas on line no ámbito lusófono cunha ferramenta que mellora as existentes ata agora.

O CilenisConjugador (http://conjugador.cilenis.com/) permite consultar verbos nas catro variantes do portugués: portugués europeo e portugués brasileiro, en cada caso antes e despois do acordo ortográfico. Tamén neste caso é posíbel optar por conxugar infinitivos presentes nos léxicos portugueses e brasileiros ou facelo con calquera verbo, incluso inventado.

Abrindo camiño no campo da enxeñería lingüística
O conxugador é un dos primeiros produtos que lanza Cilenis, nacida en maio deste ano. Trátase dunha empresa spin-off creada por membros do grupo de investigación ProLNat@GE da USC. Cilenis ofrece produtos e solucións avanzadas nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística.

Cilenis traballa no desenvolvemento tecnolóxico aplicado aos recursos lingüísticos, para desenvolver ferramentas en galego, portugués, castelán, inglés e francés. É un ámbito de mercado que aínda non fora explorado en Galicia e con importantes perspectivas de futuro. Por iso foi premiado en xuño deste ano co primeiro premio XI Concurso de Proxectos Empresariais Innovadores da Universidade de Santiago.

Sem comentários:

Enviar um comentário