quarta-feira, 29 de fevereiro de 2012

Nace Dioivo, novo xornal dixital en galego

Contar e contrariar

Contar e contrariar. Ese é para nós o alimento do xornalismo, a garantía da súa pervivencia. O que nos gusta, e nos peta e nos dá a gana. Contar e contrariar son tamén os verbos que activan este proxecto aberto e de urxencia ao que chamamos dioivo e que só aspira a envorcar na rede o produto dunha obsesión compartida: a información interpretada e o relato crítico da realidade galega. Reportaxes, crónicas, entrevistas, blogs, humor gráfico, vídeo, opinión... que cuestionan, desde o medio dixital, a vixencia dos xéneros e de certos tópicos informativos. Sempre con ironía, mesmo con impertinencia. Con poesía se somos quen. En palabras ou imaxes. Como poidamos e saibamos facelo. Con independencia. E en galego, of course.

E ese nome?

Hai alomenos un cento de palabras que cifran a intensidade, temperatura e velocidade da auga en suspensión. En Galiza, a verdade, temos tantos nomes para a chuvia como os esquimós teñen para as tonalidades da neve. Por iso cómpre sermos rigorosas. Nin o froallo é a patumeira, nin a cimbra ten a ver co salseiro, nin a decembra coa marmaña. O dioivo, tamén diluvio ou dioiva, é un chover moi abondoso e intenso. Non é, coma o barruzo ou a poalla, unha precipitación morriñenta. Polo mesmo non permite a contemplación nin a pasividade. Un dioivo nunca é neutral nin malencónico. Arrastra, varre e muda o que hai. É agardado e temido ao tempo. Irrompe e escaralla. Leva coraxe. E con tal vontade vén. Aqueloutro dioivo, o Universal, mandábano desde o Ceo. Neste, no noso, non manda ninguén.

Pero vós quen sodes, oh?

Aínda que estamos máis afeitos a formular preguntas que a respondelas, dicir quen somos é ben sinxelo. Somos unha presada de mulleres e homes aínda apaixonados pola súa profesión. Axúntanos a experiencia de anos nos medios de comunicación galegos, unha visión compartida deste país e o afán por impedir que a crise das empresas xornalísticas bote terra sobre un nobre oficio, o de contar e contrariar, que nunca, coma hoxe, foi tan necesario. Dioivo é, en realidade, unha Unión Temporal de Xornalistas; unha folla dixital mutante, con alma de panfleto; un clúster de exiliados da prensa tradicional, con afán de desfogar e tecer redes de colaboración para o futuro, aquí, nesta plataforma espontánea, ou noutro lugar. Poida que a nosa aventura sexa tan arroutada e efémera coma o propio diovio. Pero agora que estamos, e que nos puxemos dacordo, imos facer que chova o mar chovido. Abofé!

quarta-feira, 15 de fevereiro de 2012

Premios do Concurso de Cartas de San Valentín 2012

Reunido o xurado o pasado día 14 de febreiro no lugar habitual, acordou conceder os premios do concurso de cartas de San Valentín as/os seguintes participantes:

1º Premio: Xende Fernández Pérez de 2º BAC A
2º Premio: Andrea Río Álvarez de 1º BAC A
3º Premio: Soraya Varela Vázquez de 1º BAC B

O acto de entrega terá lugar o venres 17 a partir das 11'45 no Pavillón Polideportivo durante a festa do Entroido.
O xurado e o Equipo de Dinamización da Lingua Galega do noso centro felicitan as/os gañadores e a todos os demais participantes pola calidade dos traballos presentados e por contribuír a facer do noso idioma unha lingua máis normalizada, tamén nas relacións persoais.Con razón dixo o poeta, "o galego é unha lingua de amor". Parabéns!