segunda-feira, 12 de dezembro de 2011

O Concello de Ames pretende suprimir o Servizo de Normalización Lingüística

Desde a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coñecemos a proposta do goberno municipal de Ames de eliminar o Servizo de Normalización Lingüística do concello, suprimindo a praza da Relación de Postos de Traballo (RPT) municipal, proposta que consideramos extremadamente grave e irresponsábel.

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames vén desenvolvendo desde hai anos un labor fundamental no municipio, coa organización de importantes accións que van desde a acollida lingüística e integración da poboación inmigrante ata o desenvolvemento de campañas de fomento do galego no comercio ou a hostalaría, a organización de cursos de lingua para o conxunto da poboación ou o desenvolvemento de múltiples actividades dirixidas á poboación escolar, como obradoiros, concurso, etc., ademais de traballar pola calidade lingüística e comunicativa da institución. En definitiva, moitas e importantes accións para o imprescindíbel labor que unha administración pública debe facer para o fomento do uso e prestixio da lingua galega. Así, non é a única función deste SNL a formación lingüística do funcionariado, como sinala o concello na súa argumentación.

Tamén é falso que o SNL dependa de subvencións, como sinala o propio Concello, xa que é un servizo estrutural inserido no organigrama e cun posto de traballo que forma parte da relación de postos de traballo municipal, aínda que si é certo que a Xunta de Galicia eliminou as subvencións para o mantemento de SNL, algo que desde a CTNL xa denunciamos no seu momento e que tamén fai responsábel á administración autonómica desta grave situación.

Polo tanto, é fundamental que este SNL siga desenvolvendo o seu traballo como ata agora e que o goberno desbote canto antes esa proposta de eliminalo.

Sem comentários:

Enviar um comentário